Santorini ou Thira é unha das illas máis transitadas do Exeo pola súa espectacular beleza natural e os seus restos arqueolóxicos. Pode resultar un suplicio para o desprevenido viaxeiro que pretenda evitar a marea de turistas que a invaden, pero os seus 76 km2 tamén permiten unha visita sosegada
Un fenómeno xeolóxico de intensidade devastadora, a erupción volcánica acaecida en torno ó ano 1500 a.C., supón un punto de inflexión definitivo na historia da illa. Aínda que o cataclismo provocou a completa desaparición da avanzada civilización que nela xurdira, as cinzas volcánicas permitiron a magnífica conservación da cidade cicládica de Akrotiri, unha verdadeira Pompeia do Exeo, e o formidable movemento telúrico conformou unhas paisaxes únicas.
As prospeccións arqueolóxicas, comezadas a mediados do século pasado, deben parte do seu éxito ó azar. No 1866, cando o enxeñeiro Ferdinad de Lesseps daba comezo á fabulosa empresa da apertura da Canle de Suez, acudíu á illa para abastecerse de grandes cantidades daquela terra de Thera de extraordinarias cualidades hídricas. A apertura da canteira sacou á luz os primeiros restos de época prehistórica. Sucedéronse as expedicións arqueolóxicas ata que en 1967 Spiridon Marinatos atopa os primeiros indicios dunha importantísima cidade da Idade de Bronce en magnífico estado de conservación. A prematura morte do científico en 1974 mentres traballaba no sitio arqueolóxico leva ó tamén grego Dumas a facerse cargo duns traballos que aínda hoxe continuan. Paralelamente desenvolvéronse as prospeccións no outro gran centro arqueolóxico da illa, o que alberga a Antiga Thera.
Os restos da cidade de Akrotiri actualmente excavados ocupan una extensión de 10.000 metros cadrados e remóntanse ó Heládico Primitivo. Unha capa de cinzas de ata 30 metros de espesor permitiu a perfecta conservación non só de muros senón tamén de frescos, cerámica, mobles e ata comida no sitio onde os seus habitantes os deixaron. Deste modo podemos reconstruir con certo grao de fiabilidade a vida daquel pobo e deducir algúns aspectos da súa organización socio-política. Ademais, da ausencia de cadáveres, xoias e outros obxectos de valor e do estado das construccións, concluimos que, un ano antes da erupción, tivo lugar un terremoto que empuxou ós seus habitantes a abandoar a illa. Unha reconstrucción parcial das edificacións indica a presencia dun reducido grupo -os denominados trogloditas- que emigrou definitivamente ante a inminencia da catástrofe.
A disposición da cidade e a ausencia dun pazo parecen indicar a existencia dunha clase dominante que asumiría tamén o poder relixioso e habitaría no piso alto dos edificios, mentres o baixo estaría reservado ás instalacións industriais e residencia dos traballadores. A presencia nos baixos de almacéns comunais apuntan a existencia dalgún tipo de economía colectiva.
Pero son os frescos, situados fundamentalmente no piso superior das edificacións, os obxectos máis significativos e artísticamente máis conseguidos. Trátase das pinturas mellor conservadas do Exeo, tan só comparables na época prerromana ós frescos prehistóricos do S. de Francia e N. de España e ás tumbas etruscas e ás exipcias da Época Media e Nova. A obra dos conservadores gregos- formados durante longos anos na restauración das pinturas bizantinas- foi fundamental para a súa consolidación. Os frescos, atopados na súa meirande parte in situ, desprendéranse do muro no que estaban fixados polo que, logo dun cuidadoso tratamento químico, foron trasladados a un novo soporte análogo ó tamaño da representación e fácilmente transportable.
A perfección técnica e artística das obras conservadas é froito dunha longa experiencia que podemos xa observar -mil anos atrás- nos ídolos cicládicos, obra de artistas variados formados nunha mesma tradición, nunha verdadeira comunidade cicládica que, na súa organización urbanística e modelos artísticos, sempre acudíu á medida do home.
Técnicamente o muro sobre o que se ía aplica-lo fresco requería un alisamento mediante barro, ó que seguían varias capas de cal, cada vez máis finas e diluidas. A cor aplicábase ben mediante a técnica do buon fresco - mediante grandes brochas sobre a superficie mollada- ou mediante o sistema de fresco secco - aplicación da cor mediante colas orgánicas que probablemente incluían como un dos seus compoñentes a clara de ovo. A análise dos pigmentos revela a súa orixe mineral: o blanco procede do cal, o vermello de terras ferruxinosas e o amarelo do ocre. O negro ten orixe descoñecida e os dous tipos de azul teñen unha dobre procedencia: o un importado de Exipto (mistura de pirita, óxido de cobre e cal) e o outro con orixe na glaucofana. Non está ainda probado o uso da azurita, mineral presente na illa.
Unha atenta mirada ás cores destas pinturas revela novos datos. Malia o brillante corido que parecen desplegar, en realidade a paleta cromática é reducida: amarelo, vermello, azul e negro. E aínda que os artistas non misturaron de xeito sistemático estas cores para conseguir outras novas (non hai restos nos frescos de verde, mistura de azul e amarelo) conseguiron sen embargo unha poderosa sensación de policromía rodeando dun trazo negro os contornos. Tal limitación cromática impuña certas convencións: o amarelo claro representaba a cor verde clara das follas de certas plantas; o azul representaba o gris escuro das ás dos paxaros ou a pel dos delfíns; as mulleres aparecen representadas cunha cor blancuzca e os homes nun ton vermello,convención esta de gran éxito na arte posterior.
O ámbito espacial no que atopamos os frescos pertence a dúas categorías: edificios públicos e privados, claramente diferenciables polas súas dimensións e estilo. Nos edificios privados as representacións pictóricas atópanse sempre na planta superior, xa que a inferior estaba adicada a almacenaxe ou transformación de alimentos. Nos públicos, en cambio, non é raro atopar frescos nas dúas plantas. A relación dos frescos coa súa ubicación indica a existencia dun programa iconográfico definido: existe clara relación entre as pinturas e a función do local no que se insertan - nas zonas dedicadas ás relacións sociais dos membros dunha familia ou nas zonas adicadas á realización de determinadas cerimonias nos edificios públicos. O espacio dividíase en tres zonas: a inferior, a media - a representación en sí- e a superior - meramente ornamental. Era norma a extensión do tema máis aló dun muro e ainda, rasgo característico da pintura cicládica, mais aló dun habitáculo.
É evidente a intención dos artistas por reflectir fielmente o mundo natural: son perfectamente recoñecibles os mirtos e os canavais, as palmeiras, o azafrán, o león e o mono, os antílopes, os patos, a pomba e o delfín, montes e rochas, as beiras dos rios e do mar, as texturas dos ricos vestidos e da indumentaria de faena. Con todas as limitacións que lle impuña a súa técnica, tratan de individualizar ós seres humanos. De tódolos xeitos son evidentes as dificultades do artista para a representación das mans e dos pes en determinadas perspectivas, así como para dotar ás súas obras de perspectiva. Acúdese nestes casos ó sistema, xa aplicado polos exipcios, de superposición parcial de diversos elementos.
O aire naturalista destas pinturas é, segundo a opinión dos estudosos, a primeira mostra deste estilo na arte. É unha pintura chea de espontaneidade que desprende ese enorme vitalismo do Exeo. Arte, en suma, allea ó sentimiento histórico e diametralmente oposta ó modelo oriental, rigorosamente controlado, carente de orixinalidade e pouco proclive á innovación, mero órgano de propaganda para maior gloria dos deuses e dos seus representantes na terra.
É aínda hoxe en día difícil de precisar o grado de dependencia da cultura de Tera respecto á minoica da viciña illa de Creta. Con certeza Creta non impuxo un dominio militar, pero a súa influencia artística é evidente. De tódolos xeito hoxe en día téndese a aceptar a orixinalidade da pintura cicládica no ámbito temático, iconográfico e de execución. Os grandes frescos cretenses son técnicamente máis logrados, e fronte a eles as pinturas de Tera presentan unha certa rudeza, maior espontaneidade e unha tendencia á esaxeración que lles confire un carácter provinciano. Presentan maior libertade compositiva e gráfica e un mundo máis agreste e popular.
Certos estudiosos teñen relacionado a refinada civilización de Tera e o seu repentino final coa lenda da Atlántida que describe Platón nos seus diálogos Timeo e Critias. Descrebe o filósofo unha refinada civilización que extende o seu dominio ata Libia e o S. de Italia; realmente tal hexemonía parece corresponder mellor coa preponderancia cretense. O arqueólogo grego Marinatos, sen embargo, ve no mito unha evocación do antigo esplendor da illa do Exeo: a explosión volcánica de Santorini ten nefastas consecuencias en Creta e acelera a súa decadencia. A presencia nesta illa de cinzas volcánicas procedentes de Thera está confirmada e ata se apunta a súa presencia en Exipto, segundo una suxestiva teoría que ve nas plagas bíblicas que asolan Exipto a influencia dos trastornos climáticos provocados pola fabulosa erupción.
Dimensións: 76 km. cuadrados. 18 km. de lon xitude e de 2 a 6 km. de ancho.
Illotes: Thirasia, Aspronisi, Nea Kameni e Palea Kameni .Punto máis elevado: Profitis Ilias 566 metros. Habitantes: 8.000 Distancia ó Pireo :130 millas naúticas.Tempo aproximado de viaxe dende o Pireo: 7 horas
Recomendacións
Comer
Thira: a experiencia indica que o prezo é proporcional ás vistas que contempledes dende o prato. Outro parámetro bastante fiable da cualidade da cocina é a proporción de gregos que visitan o local.
Suxerimos :Dionyssos, xunto á estación de autobuses e Nikola.
Oia: moi recomendables as tabernas que ofrecen peixe no porto - aínda que a subida resulta dura logo dun bo retsina.
Dormir
O máis recomendable é acercarse á Oia, onde atoparedes mellores prezos e máis tranquilidade. As habitacións que ofrecen particulares poden ser unha boa solución se concertades previamente as condicións.
Thira: Nissos Thira (detrás da estación de autobuses), sen vistas ó mar pero tranquilo e de prezo razoable; Thira Hotel: edificio antigo que formou parte do mosteiro católico;.Camping de Thira: para aqueles que durmades como pedras. Marcha adolescente.
Imprescincible: Akrotiri e a cercana praia de area vermella , Antiga Thira, Thira moderna e o seu espléndido museo, Oia (as súas postas de sol atraen a verdadeiras hordas de turistas) e o pobo de Imerovigli, o cráter do volcán e o illote de Thirasiá .
Transporte: resulta recomendable o aluguer dunha pequena motocicleta; daravos moita autonomía e evitaredes os atestados autobuses locais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario